Vimianzo activará axudas para autónomos e microempresas

1 minutes read

O Concello de Vimianzo destinará máis de 160 mil euros para axudar aos autónomos e ás microempresas que conforman o tecido económico do municipio. A administración local aportará 32.115,44 euros, mentres que o restante será facilitado pola Deputación Provincial da Coruña.

Estas axudas forman parte do programa -PEL Reactiva- do ente provincial, para darlle solucións ás problemáticas derivadas da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Desde o Concello xa iniciaron os contactos para impulsar estas axudas.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca a «colaboración entre administracións para facer fronte común ante unha problemática acaecida ao longo de todo o país, e tamén en Vimianzo. Temos que conseguir apoios para dotar de axudas a un dos sectores máis castigados pola crise sanitaria».

Ademais confirmou que «con anterioridade xa estabamos ao carón da veciñanza, pero non podemos facer oídos xordos á realidade que nos anega. É a nosa responsabilidade darlle solucións e oportunidades aos que peor o están a pasar nestes momentos», confirmou a alcaldesa.