Vimianzo adquirirá soportes de xel GERCA para todos os espazos municipais

1 minutes read

O Concello de Vimianzo adquirirá soportes realizados pola empresa local GERCA, para a instalación de botes de xel hidroalcohólico en todas as dependencias municipais.

Trátase de elementos destinados á suxeición de dispensadores de xel hidroalcohólico, pezas configuradas de xeito artesanal con diferentes modalidades e cores. Búscase así aumentar as medidas hixiénicas nas dependencias municipais de cara ás medidas de desescalamento e a volta á “nova normalidade”.

Desde o Concello, tamén se plantexa incorporar estas pezas para todo o tecido empresarial e industrial do municipio, a destacar supermercados, perruquerías, panadarías e resto de pequeno comercio.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradécelle a GERCA “o seu traballo e a pronta adaptación ao contexto sanitario que estamos a vivir ”e asegurou que “desde o Goberno continuaremos apostando polas empresas locais xa que é de agradecer a enorme iniciativa que está a ter o noso tecido empresarial, que de por si é moi forte”.

A rexedora rematou destacando que “estes produtos servirán para aumentar a seguridade das veciñas e veciños de cara á apertura progresiva da nova vida”.

Modelo de dispensador de xel hidroalcohólico fabricado en Vimianzo pola empresa local GERCA.