Vimianzo | Adxudicada a ampliación da rede de abastecemento de auga en Piñeiros, Paizás e Castiñeiras

Concello de Vimianzo

  • Os traballos, que contan cun orzamento de 94.000 euros, están financiados polo Plan Único da Deputación da Coruña

O Concello de Vimianzo adxudicou os traballos da rede de abastecemento de auga para os núcleos de Piñeiros, Paizás e Castiñeiras, por un total de 94.065,40 euros. Unhas actuacións que están financiadas polo Plan Único da Deputación da Coruña. Con esta intervención, o goberno local pretende dotar deste servizo a case todas as casas dos tres núcleos onde, actualmente, non existe ningún tipo de rede de abastecemento.

As obras darán continuidade á rede de abastecemento municipal existente, que na actualidade chega ata o núcleo de Sanfíns. Debido á insuficiente presión da auga e da orografía do lugar, contémplase a instalación dun grupo de presión de caudal variable formado por dúas bombas no cruce de Sanfíns. Canalizaranse un total de 3.147 metros con tubaxe de polietileno coas correspondentes válvulas e arquetas de aloxamento, e tamén se repoñerá o pavimento afectado polas obras.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, subliñou a “necesidade de afrontar un proxecto deste tipo, para dotar dun servizo de primeira necesidade a este núcleos”. Un servizo, recalca, “moi demandado pola veciñanza desta contorna”.