Vimianzo | Adxudicadas as obras de mellora da seguridade na estrada de Caxadas a Baíñas

Visita á estrada do presidente, Valentín González Formoso, a alcaldesa, Mónica Rodríguez e o deputado de Obras, José Manuel Pequeño. Arquivo.

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 1.335.098 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, o maior investimento do organismo provincial programado pola área de Vías e Obras neste ano. De feito para poder levar a cabo os traballos expropiáronse con anterioridade os terreos necesarios, nos que se investiron 248.239 euros. 

As obras permitirán construír unha senda para peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade. Trátase dunha actuación de mellora integral da seguridade deste viario, unha das prioridades do goberno local que dirixe a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. A primeira edil trasladoulle ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deste o inicio do actual mandato esta obra e agora grazas o apoio do organismo provincial será unha realidade. “Temos que agradecer o apoio da Deputación e do seu presidente por facer realidade esta demanda que mellorará a seguridade viaria entre Caxadas e Baíñas”, apuntou a alcaldesa.

Pola súa banda,  o presidente provincial, Valentín González Formoso lembrou a importancia desta obra para o Concello de Vimianzo no eido da seguridade viaria e polo enorme investimento da Deputación: “trátase do maior investimento programado este ano pola área de Vías e Obras da Deputación”, apuntou.

 As obras permitirán á veciñanza das vivendas colindantes coa DP 9203 dispor dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén podan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona. A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá durante case 2 quilómetros desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade para desaugar necesaria.

O proxecto tamén inclúe a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500 que actualmente presenta curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado.