O Concello de Vimianzo celebrou este mércores o pleno ordinario do mes con carácter adiantado para axilizar expedientes de vital importancia. Desta maneira, puidéronse sacar adiante cuestións prioritarias, todas elas por unanimidade, para evitar o dobre custe de celebrar dúas sesións.
Durante o mesmo, deuse luz verde a destinar o 100% dos fondos do POS+Adicional 2/2025 a investimentos. Esta achega, que ascende aos 401.348,76 euros, é fundamental para poder completar dous proxectos clave para o municipio e que foron moi demandados pola veciñanza.
O primeiro proxecto, cun orzamento de 203.137 euros, céntrase no acondicionamento e mellora da contorna da igrexa de Berdoias. A actuación, coa que se busca humanizar este espazo, inclúe a creación dunha praza na parte frontal e tamén o aumento das prazas de aparcamento.
Os traballos, moi solicitados pola veciñanza, serán posibles tras “un gran traballo, xa que as vías eran de titularidade autonómica. Tras moito esforzo conseguimos o traspaso da titularidade e por fin poderemos resolver esta demanda que tanto nos fixeron chegar os nosos veciños e veciñas”, explicou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que agradeceu “as asociacións da parroquia de Berdoias e a todos os propietarios e propietarias que cederon terreos para poder facer realidade este proxecto”.
O segundo proxecto consiste na mellora da rede de saneamento do núcleo de Figaredo (Braño), na parroquia de Carantoña. Con esta actuación, á que se destina unha partida de 198.211 euros, dos cales 179.511 son fondos provinciais e 18.699 municipais, complétase o 100 % da rede no lugar.
“Trátase de dous proxectos, entre moitos outros, cos que se busca dar cobertura e atender as necesidades nas nosas catorce parroquias. Este goberno prioriza e segue traballando para atender as necesidades do noso rural e de todo o noso territorio”, destacou a rexedora.
Proxectos singulares: o Asalto ao Castelo e Vimianzo MOLA
Do mesmo xeito, no pleno aprobouse a solicitude de financiamento á Deputación da Coruña para a realización de actividades singulares nas que se inclúen dúas propostas: o Asalto ao Castelo, festa declarada de Interese Turístico de Galicia e un dos principais motores do tecido asociativo e económico local; e Vimianzo MOLA, unha nova iniciativa que busca dinamizar a actividade municipal en momentos de menos afluencia turística.
O proxecto MOLA (Muralidade, Oralidade, Literatura e Artes) desenvolverase a finais de agosto e principios de setembro, cun enfoque centrado na cultura urbana, a creación artística e a literatura. Entre as actividades previstas destaca a I Feira do Libro de Vimianzo, que terá lugar do 5 ao 7 de setembro no Castelo e contará coa participación de autores locais, galegos e estatais.
A rexedora quixo agradecer “a implicación da Deputación coas actividades singulares no noso municipio. Sen a súa contribución sería imposible poder levar a cabo este tipo de iniciativas”.
Uso das instalacións culturais
A totalidade da corporación votou a favor de modificar a Ordenanza fiscal nº17, reguladora da taxa pola prestación de servizos e utilización de instalacións municipais, deportivas e análogas de titularidade municipal. A taxa busca cubrir os custos de limpeza, vixilancia e mantemento destes espazos, nos que se realizaron melloras importantes nos últimos anos.
Festivos locais
Na sesión aprobáronse os festivos locais para o ano 2026: o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo, e o 10 de agosto, coincidindo coas festas do verán.
Outros asuntos
Completaron a orde do día a aprobación da bonificación do ICIO para a construción dunha nave industrial no parque empresarial, así como a prórroga do contrato administrativo para a concesión da obra pública do Parque Eólico Singular O Barrigoso. E un suplemento de crédito para poder facer fronte a varias mellora de pavimentos en distintas obras e tamén para incrementar a partida destinada ao tratamento e recollida de animais abandonados no municipio.
Moción do BNG sobre a situación do galego
Saíu aprobada tamén unha moción presentada polo BNG sobre a situación do idioma propio de Galicia e a adopción de medidas para a súa normalización. Durante a sesión a rexedora incidiu en que isto é unha cuestión prioritaria, e que por ese motivo o Concello está adherido, desde o mes de maio, á Declaración de concellos coa lingua galega, promovida pola plataforma ‘Queremos galego!’, que reivindica a defensa da lingua e a creación de acordos comúns.