Vimianzo aproba en Pleno a partida de 680.941,31 € a obras do Plan Único da Deputación

4 minutes read

O Concello de Vimianzo aprobou este xoves en sesión ordinaria unha adicación de 680.941,31 euros a obras do Plan Único 2024 da Deputación da Coruña. Inclúese nesta relación a mellora do viario Treos-Carnio; a pavimentación interior no lugar da Esquipa; o arranxo do pavimento interior no lugar de Xora, en Treos; a pavimentación interior no lugar de Santa Cristiña e a mellora dun viario na Costa, Torelo, na parroquia de Salto.

Tamén se incluirá a pavimentación de varios viais en Sansobre dentro do Plan Complementario do ente provincial. Aprobouse tamén por unanimidade incluír unha achega de 107.791,94 euros para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024.

Noutro dos puntos da orde do día, saíu adiante por unanimidade a liquidación definitiva correspondente ao exercicio 2023 do contrato de xestión de servizos municipais de vivenda comunitaria, centro de día, escola infantil e comedor e lavandería sobre rodas.

Supón un incremento de 110.619,81 euros, que para “o Concello de Vimianzo implica un gasto importante, sobre todo nun ámbito non que non temos competencias”, e instou “á Xunta de Galicia a ter un pouco de implicación nun ámbito no que ten o 100% do contexto de actuación”.  

“O goberno autonómico presume de que as escolas infantís son un servizo de balde para as familias galegas e non é así. A Xunta de Galicia aporta 28.000 euros para mantemento á escola infantil; a competencia non é municipal e nós temos que facernos cargo xunto ás familias e a Deputación da Coruña do resto de gasto, que por suposto, supera por moito ao de mantemento”.

O voceiro do grupo municipal nacionalista solicitou a posible coordinación ou complementariedade ao servizo de Galiña Azul, que son espazos públicos de similares características ao que temos a nivel municipal. A isto negouse a alcaldesa “porque as circunstancias das familias vimiancesas, e imaxino que as galegas en xeral, e as deste servizo, non son coincidentes. Nós xa temos solicitado que o servizo de Galiña Azul asumise o da escola infantil municipal, pero desde o goberno autonómico xa se nos deu unha resposta negativa, nunha reunión presencial e negóusenos.”

No que respecta aos servizos sociais, o voceiro nacionalista insistiu no gasto que supón para as arcas municipais este servizo, e que “habería que buscar fórmulas para aforrar cartos. Eu teño fórmulas pero non as vou dicir, porque se vai tirar moito de demagoxia”.

O incremento das axudas a nivel de dependencia subiu das 70 ás 92 horas, das que tan só se fai cargo a Xunta de Galicia en 12. O resto ten que asumilas o Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña. A alcaldesa de Vimianzo quixo ser tallante ao que respecta aos servizos sociais: “Namentres eu sexa alcaldesa, non imos ‘aliviar’ o gasto en servizos sociais, como manifesta o voceiro nacionalista, sempre e cando estas fórmulas impliquen un recorte na liña de horas que se adican a este servizo”, e aclarou que “temos que ser conscientes do tema que estamos a tratar. Non é poñer ou quitar unha luminaria; falamos de situacións de máxima sensibilidade e de máxima necesidade. Desde logo cando as veciñas e veciños acoden a este servizo non é por gusto, é por necesidade”.

Noutro dos puntos da orde do día, saíu adiante por unanimidade o ditame sobre aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos do ano 2024.

Na quenda de rogos e preguntas, tanto os voceiros do grupo popular como nacionalista instaron ao goberno municipal de realizar varias melloras, no que respecta á obra da Braña da Grixa, do Tanatorio, apoio á sinalización da Vía Mariana, ámbito no que o Concello se amosa disposto a actuar neste ámbito; limpeza de cunetas, ou a reparación da obra da Piosa, danada polos madeiristas.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?