Vimianzo aproba intervencións futuras por máis de medio millón de euros

2 minutes read
  • Na sesión, tamén se acordou que os festivos locais do vindeiro ano 2024 serán o 22 de xaneiro, San Vicenzo, e o 12 de agosto.

O Concello de Vimianzo segue na procura de acordos con diversos organismos e institucións para acadar o benestar da veciñanza coa implementación de mellores servizos.

Este mércores aprobáronse en Pleno intervencións futuras por valor de máis de medio millón de euros (507.785 euros), entre as que destacan: a creación dun parque infantil en Carnés, coa achega de 33.879,99 euros por parte da Xunta de Galicia, do total de 48.399,99 euros do montante do proxecto; melloras a impulsar para mellorar o medio ambiente para os concellos de Dumbría e Vimianzo, un proxecto que supón un total de 47.129,50 euros e dos que 30.634,18 euros serán achegados tamén polo ente autonómico; a mellora da eficiencia enerxética do polideportivo de Vimianzo, o proxecto de máis envergadura, un total de 266.751,93 euros e no que se financiarán 140.000 euros enmarcados no Fondo de Cooperación Local destinado aos concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes habilitada pola Xunta de Galicia; intervencións correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024 cofinanciado con FEADER no marco do plan estratéxico da PAC 2023-2027 en réxime de concorrencia non competitiva, por un total de 97.127,78 euros e dos que se subvencionarán 78.966; e por último, o acondicionamento da pista de adestramento do campo de fútbol, que supón 48.375,8 euros e dos que 38.700,64 euros serán aportados pola Xunta de Galicia. Os puntos contaron coa unanimidade de todos os grupos.

Dentro deste último proxecto cabe destacar que tamén se instalarán dous novos banquiños, unha portería e adquirirase un novo desfribilador acorde á normativa. Un total de 9.234,84 euros en novo material.