- Tamén se aprobou a modificación da ordenanza sobre as taxas de uso das instalacións culturais, educativas e deportivas municipais
Este luns o Concello de Vimianzo aprobou, en sesión plenaria, o IV Plan de Igualdade 2022-2026. Este proxecto é resultado dun traballo estratéxico por parte da concellería de Igualdade tras realizar un diagnóstico da realidade desde a perspectiva de xénero, co obxectivo de alcanzar a igualdade de maneira real e efectiva.
O IV Plan de Igualdade pretende implementar as políticas de igualdade en Vimianzo; incorporar a perspectiva de xénero na administración local; promover unha concienciación real de toda a cidadanía sobre a sociedade patriarcal actual; visibilizar o papel e traballo das mulleres na sociedade ou evidenciar as desigualdades estruturais, entre outros.
No pleno tamén se aprobou o ditame sobre a modificación da ordenanza que regula a taxa por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, deportivas e análogas de titularidade municipal, así como o plan de medidas anti fraude para a xestión dos fondos “Next Generation UE”.