- Os orzamentos contaron co apoio do PSOE (grupo de goberno), a abstención do PP e o voto en contra de Adiante Vimianzo
O Concello de Vimianzo aprobou este xoves, nun pleno extraordinario (09:00 horas), o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para este ano que ascende a 5.955.405 euros. Tras levar desde o 2019 cos orzamentos subrogados, a Administración local deu luz verde a un documento «realista e adaptado ás necesidades das veciñas e veciñas do municipio», sinalan desde a Alcaldía. O programa saíu adiante cos votos a favor do PSOE (equipo de goberno), a abstención do PP e o voto en contra de Adiante Vimianzo.
Por primeira vez na lexislatura, o Concello de Vimianzo contará cunha «folla de ruta na que se recollen, nin máis nin menos, como se empregarán os fondos municipais ó longo de todo o ano», recalcou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, bautizando estes fondos como «reais, o máis fieis posible o contexto actual».
No referente ao Plan Único de Obras, houbo unanimidade para dedicar 309.424,85 euros a gastos ordinarios debido ás «necesidades diarias que temos no ámbito de mantemento e accións rutineiras ás que ten que facer fronte o Concello de Vimianzo», sinalou a rexedora. Este ano increméntase o gasto en mantemento, creación de emprego, protección animal, prazas da escola, promoción do turismo ou a dinamización do comercio e a hostalería, entre outros.
Os restantes 175.471,49 euros serán para intervencións en diferentes puntos do municipio, a ter en conta: a mellora no viario no núcleo de Manlle (81.147,20 euros), a pavimentación do acceso que vai de Campolongo a Riotorto e a reparación do muro na ponte de Campolongo (30.420,66 euros), a mellora do firme no viario de Reparada a Castromil (32.223,63 euros) e a segunda fase da rehabilitación e mellora dunha rúa interior no lugar de Bribes (31.680,00 euros).
A Corporación tamén aprobou incluír un incremento de 108.298,70 euros no POS Social da Deputación da Coruña que irán destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dado o aumento do prezo/hora e das persoas usuarias do servizo.
Desglose de investimentos
Nos dous primeiros capítulos de investimentos recóllense 1.833.300,00 euros de impostos directos e 47.000 euros de indirectos. No correspondente a taxas, prezos públicos e outros investimentos, 736.010,00 euros, e en canto a transferencias correntes estipúlanse un total de 2.956.354,00 euros. No capítulo referido aos investimentos patrimoniais recóllense 92.500 euros mentres que no de transferencias de capital establécense 290.241,00 euros.
Gastos
Para gastos de persoal márcanse un total de 1.995.100,00 euros, para os destinados a bens e servizos 3.172.441,00 euros e para gastos financieiros recóllense 20.000 euros. No relativo á transferencias correntes marcáronse 501.940,00 euros e 265.924,00 euros irán destinados a investimentos reais.
A voceira de Adiante Vimianzo, Marta Rey, solicitou «deixar sobre a mesa» a aprobación dos orzamentos ao considerar que non contaban coa documentación suficiente para «poder analizar e saber se os orzamentos son reais»; palabras que van en contra da opinión da rexedora que falou dun documento «totalmente transparente, amparado con informes favorables de Secretaría e Intervención».
Tamén se someteu a votación a aprobación do ditame do recoñecemento extraxudicial de crédito e a liquidación definitiva do exercicio 2020 do contrato de xestión dos servizos municipais de vivenda comunitaria, centro de día, escola infantil, comedor e lavandería sobre rodas. Ambos puntos por unanimidade.