Vimianzo aproba os ámbitos aos que adicará as partidas do Plan Único provincial


O Concello de Vimianzo aprobou nunha sesión extraordinaria do Pleno da corporación os ámbitos aos que adicará as partidas do Plan Único provincial 2023 cunha achega de 1.521.725,8 euros.

Para gastos sociais extraordinarios, destinaranse un total de 108.092,52 euros; para obras e servizos 571.586,55 euros e reservarase unha partida de 162.367,66 euros para o complementario, no que se inclúe a intervención da rede de saneamento no lugar de Treos.

Así, no primeiro apartado, de gastos sociais extraordinarios, o Concello de Vimianzo prevé facer un gasto de 834.674,73 euros no Servizo de Axuda a Domicilio, isto son, todas as accións, da natureza que se preste no domicilio da persoa, como rehabilitación ou comedor sobre rodas, etc.

O importe non pode ser destinado a cubrir a achega municipal no Plan de Financiamento dos servizos sociais municipais FOPPSS e excepcionalmente o importe poderá destinarse a cubrir a parte da achega municipal ao servizo de axuda a domicilio na modalidade de dependencia, incluíndo aquela que corresponde a horas xa cubertas. A totalidade da achega provincial, 108.092,52 euros, serán destinados a tal fin.

No apartado de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, dos 571.586,55 euros que achega a Deputación da Coruña, estímase realizar as seguintes obras: a rehabilitación de urbanización existente con reposición de pavimentos, instalacións urbanas e iluminación na rúa A Pontenova, dende a AC-552 ata a prolongación coa rúa Codeseiras; a mellora dun viario en Romar e a rehabilitación da urbanización existente, con reposición de pavimentos, instalacións urbanas e iluminación en Braña da Grixa, desde AC-552 ata a esquina coa rúa Codeseiras coa rúa Tedín, en Vimianzo.

Ambos puntos, tanto a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único 2023) e o ditame sobre a aprobación do Plan Único adicional para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2023 contaron coa unanimidade dos grupos políticos que integran a corporación.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “novamente, o espírito construtivo”  dunha oposición á que, se referiu a rexedora, “botaremos de menos tanto no día a día institucional como o pobo de Vimianzo”. “Se nestes tres anos houbo proxectos integradores e que supuxeron un aumento do benestar da nosa xente, elas e eles tamén teñen parte de “culpa”, e aínda que nos agardan tempos difíciles con novas e novos responsables políticos que dinamitarán esta convivencia, estamos moi contentas e contentos polo que se construíu nestes tres últimos anos”, finalizou.