Vimianzo aproba por unanimidade o investimento do POS+ 2020

Concello de Vimianzo

O Pleno do concello de Vimianzo aprobou por unanimidade o Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan único de concellos 2020) da Deputación Provincial da Coruña.

Do total aportado neste plan pola institución provincial, o concello de Vimianzo destinará 338.000 euros ao capítulo de gastos correntes, máis de un millón de euros para investimentos en obras no municipio (1.078.000€).

Dentro das obras do POS+ 2020 ten previsto acometer a rehabilitación e pavimentación no núcleo de Bribes por 81.866€. a mellora do pavimento da estrada do Cemiterio de Carnes a Tufións, estrada das Lagoas e a estrada da Devesa á Casiña por 96.998€.

Tamén se inclúe no POS+2020 a mellora da estrada por detrás do tanatorio e a entrada a Baíñas xunto ao colexio, unhas actuacións valoradas en 60.019€. A pavimentación da Praza de Cereixo, 127.000€ tamén entra dentro dos investimentos aprobados, así como a mellora do acceso ao Sixto, na parroquia de Baíñas (172.990€).

En materia de saneamentos, aprobáronse os de Piñeiros, Paizas e Castiñeira, obras que ascenden a 151.911€. Tamén se acometerá o saneamento de Quintáns de Treos por 194.035€ e o de Treos por 140.557€.

Tal e como se comprometera o Goberno de Mónica Rodríguez, o POS+2020, destinarase para a sinalización integral das 14 parroquias, cun investimento de 54.745€.

En resumen, o concello xestionará a través do POS da Deputación investimentos por valor de 1.409.000€, dos que destinará a gastos correntes 338.277€. O que deixa para obras 1.078.000€.

A alcaldesa socialista de Vimianzo, Mónica Rodríguez, interpretou o POS+2020, “como un exemplo do compromiso da Deputación que preside Valentín González Formoso con Vimianzo”. Mónica Rodríguez, que convocou fai semanas, unha xunta de portavoces para atender suxerencias de ambas formacions (PP e AV), e na cal o PP fixo varias aportacions e dentro do posible e das prioridades recolleronse nesta proposta, na que salientou e agradeceu o talante da oposición, tanto do PP como de AV por “entender a importancia do contido que levábamos ao Pleno deste xoves e favorecer que este investimento conte coa unanimidade da corporación”. Respecto ao Goberno afirma que, en previsión de que, como en ocasións anteriores, exista unha ampliación para a primavera, nos meses de marzo ou de abril, “xa estamos preparando unha nova carteira de proxectos a financiar con ese posible incremento do POS”.