Vimianzo aproba proxectos por case 5 millóns de euros como a renovación da iluminación pública

Pleno marzo_Ayuntamiento de Vimianzo

  • Tamén se deu luz verde á nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar e á unha modificación orzamentaria por valor de 375.484,28 euros

O Concello de Vimianzo celebrou este venres unha sesión plenaria na que saíron adiante proxectos de gran envergadura para o municipio por un valor de 4.851.385,88 euros. Destacan a renovación da iluminación pública grazas a unha subvención do IDAE, a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar e unha modificación orzamentaria por valor de 375.484,28 euros.

O punto no que houbo máis discrepancias foi na aprobación do expediente de contratación do proxecto do alumeado exterior ao presentar Adiante Vimianzo unha enmenda na que cuestionaba os criterios de contratación. O goberno local aclarou que «se decide nun balance onde os criterios avaliables mediante xuízos de valor contabilizan 45 puntos, e os criterios de valoración automática supoñen 55 puntos do total, buscando sempre a mellor calidade prezo para obter o mellor resultado tanto na obra como no subministro». Adiante Vimianzo votou en contra, o Partido Popular abstívose e o grupo de goberno votou a favor deste proxecto co que se conseguirá «un aforro de máis do 50% para as arcas municipais no que respecta á facturación deste servizo».

Si que se aprobou por unanimidade o ditame sobre a aprobación do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar. A licitación ofrecerase por catro anos e suporá un total de 2.175.901,6 euros.

Outro dos puntos ao que se lle deu luz verde foi a modificación orzamentaria presentada polo goberno local, de 375.484,28 euros, que se destinarán á mellora do paseo de Cereixo, ao arranxo do firme e á ampliación da ponte en Baíñas, á mellora de camiños municipais, á reparación da ponte da Casiña, á substitución de nova sinalización viaria, ao cambio de elementos en diversos parques infantís e á pavimentación dun tramo na Gándara.

Outros asuntos. Tamén se aprobou a moción de Adiante Vimianzo sobre as alegacións ao parque eólico de Berdoias e a súa estrutura de evacuación. Outra das mocións que saíu adiante foi a presentada polo PSOE para apoiar a integración nun CRA das Escolas Unitarias de Carantoña, Carnés, Traba, Castromil, CEIP de Camelle e CEIP de Torrexallóns.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha