- O goberno local tamén anunciou a posta en marcha de novas excavación no Castro das Barreiras
O Concello de Vimianzo celebrou este venres un pleno ordinario no que un dos puntos principais foi a aprobación, por unanimidade, dun suplemento de crédito de518.000 euros para realizar diversas melloras no municipio. Deste total, 300.000 euros irán destinados a gastos ordinarios debido á cantidade de tarefas que se están a desenvolver por parte dos equipos de servizos múltiples, albanelería, eléctricos e xardinaría, entre outros.
O resto do orzamento, uns 218.000 euros, repartiranse entre varias actuacións: a creación dun parque infantil en Carnés (48.400 euros); o acondicionamento do núcleo da Bouza (60.000 euros); a renovación dos aseos da escola unitaria de Carantoña (15.000 euros) e a rehabilitación dos vestiarios do campo de fútbol (75.000 euros). Tamén se incrementará o gasto no ámbito do abandono animal con 20.000 euros.
O Executivo tamén destacou que xa está traballando nos orzamentos do 2022, que «continuarán na mesma liña dos traballos executados ata o de agora: consensuados coa veciñanza e que contribúan á mellora da imaxe de Vimianzo».
Novas excavacións no Castro das Barreiras
Por outra banda, este venres tamén se anunciou que está en marcha unha nova acción de preservación e excavación no xacemento de Castro das Barreiras de cara a «realizar novos descobrimentos que axuden nas pesquisas das peculiaridades deste asentamento». Esta información concretouse nunha xuntanza entre a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez e o arqueólogo, Tito Concheiro.