Vimianzo aproba unha senda peonil e un mellor trazado na estrada que une Caxadas e Baíñas

1 minutes read
  • A Deputación da Coruña destinará a este proxecto 1,6 millóns de euros

O Concello de Vimianzo contará cunha senda peonil e un mellor trazado na estrada que vai de Caxadas a Baíñas grazas ao investimento de 1,6 millóns por parte da Deputación da Coruña. O proxecto foi aprobado este venres en pleno e permitirá habilitar un espazo de case dous quilómetros de lonxitude no que os peóns contarán con beirarrúas durante toda a vía. Tamén se eliminarán as curvas perigosas á altura de Padreiro de Abaixo.

A vía discorrerá desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro,xa que a actual carece de capacidade para desaugar.

O proxecto conta cun orzamento de 1.615.469 euros, a través do cal a entidade provincial pretende continuar acondicionando estradas para garantir “unhas comunicacións seguras para as persoas que transcorran por elas”.

Pola súa banda, desde o goberno local agradecen a implicación da Deputación e de todos os que farán posible que se materialice unha obra «histórica» para a veciñanza.