- Todos os grupos políticos da corporación deron luz verde a ambas propostas
A corporación municipal de Vimianzo aprobou no pleno celebrado este venres dúas mocións presentadas en conxunto por todos os grupos políticos. Unha para apoiar á Vía Céltica como camiño de peregrinación a Santiago e outra para proporcionar axuda aos afectados polo expediente de procedemento simplificado de valoración catastral.
Con respecto á primeira moción, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a «responsabilidade política e institucional» das persoas que integran a corporación xa que «estes acordos supoñen, en primeiro lugar, un recoñecemento patrimonial a un dos roteiros peregrinos máis relevantes da Costa da Morte».
A oficialidade deste itinerario xacobeo permite que os peregrinos poidan recibir a prezada Compostela que expide a Catedral. Non obstante, tamén implica que os concellos faciliten o camiño mediante a correcta sinalización das rutas ou lugares para descansar.
No relativo á segunda moción, Rodríguez tamén valorou positivamente que se chegase a un acordo unánime da corporación para defender a moitos veciños e veciñas que están sendo afectados polo procedemento de valoración catastral.
O Concello solicitará á xerencia territorial do Catastro a suspensión da tramitación do expediente ou a ampliación de prazos outorgados para presentar alegacións. Tamén intervirá para que a entidade poña a disposición da veciñanza un equipo de persoal técnico especializado para ofrecer apoio e asesoramento á veciñanza.