Vimianzo aprobou a aplicación da bonificación do ICIO a tres proxectos de interese industrial

1 minutes read

O Concello de Vimianzo aprobou na sesión plenaria celebrada este mércores, 28 de maio, por unanimidade, a aplicación da bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) a tres proxectos de interese industrial.

Deste xeito, beneficiaranse desta bonificación: as obras de construción de estabulación libre de gando vacino de leite en Reboredo (Salto); as obras de cubrición de fosa de purín existente nunha explotación de vacún de leite en Xora (Treos); e as obras de construción dunha unidade de subministración de combustible nas parcelas N2-N3 do parque empresarial.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, manifestou que estas bonificacións “son mostra da nosa aposta polo impulso económico do noso concello, facilitando a implantación e mellora de actividades industriais que xeran emprego e fixan poboación no rural”.

Humanización da rúa Castelao

O pleno deu luz verde, tamén por unanimidade, á segunda fase das obras de humanización da rúa Castelao. No proxecto inclúese o remate da rúa Castelao, coa continuidade da separación de saneamento e das augas pluviais, os novos pavimentos e a nova iluminación. Tamén se aprobou unha partida para a compra do novo mobiliario da primeira e da segunda fase.