- O municipio acollerá unha concentración do 14 ao 17 de maio na que, segundo a organización, se darán cita máis de 100 vehículos
Vimianzo será a capital do autocaravanismo durante os días 14, 15, 16 e 17 de maio nunha concentración que reunirá a «máis de 100 vehículos», segundo o Concello de Vimianzo e a Asociación Galega de Autocaravanas.
Programa
Sábado 14. Recepción na Casa da Cultura (10.30 horas) co posterior desprazamento á parroquia de Cereixo. Comida campestre (14.00 horas) na Praza Nova de Cereixo e paseo guiado pola zona (18.00 horas).
Domingo 15. Ruta polos Penedos de Pasarela e Traba (10.00 horas), xantar (14.00 horas), e posterior visita guiada ao Castelo de Vimianzo. Celebración das Letras Galegas na Praza do Concello (17.00 horas) con actividades especialmente deseñadas para os máis cativos.
Luns 16. Rutas polo Segredos do Val de Vimianzo (10.00 horas) e pícnic no merendeiro do Mosquetín (14.30 horas) con posterior visita guiada. Actuación musical das Tanxugueiras na Casa da Cultura (21.30 horas).
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradece todo o traballo e esforzo dos equipos de Turismo, Cultura e Deportes por «non só confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas de toda a Costa da Morte; tamén por darlle sentido con este tipo de actividades».
Pola súa banda, o vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Xosé Anxo Cid, destacou a «gran posibilidade que ofrece un municipio como Vimianzo, estratexicamente situado en canto a xeografía, para coñecer toda a Costa da Morte» mentres que David Abelenda, de Autocaravanas Costa da Morte, fixo fincapé na «crecente porcentaxe de turismo de este calibre, en auxe desde hai uns anos, e desde o Concello de Vimianzo, a través de Víctor Santos, fíxose un traballo marabilloso para poder conformar a mellor área, e a dotada con maior equipamento, de toda a nosa Comunidade Autónoma».