- Durante toda a fin de semana haberá visitas teatralizadas e guiadas ao Castelo e aos Batáns do Mosquetín. O luns celebrarase a festa da escuma na Praza do Concello
Esta fin de semana Vimianzo debería estar celebrando as súas festas patronais na honra á Virxe do Carme e a San Roque, sen embargo, un ano máis o desfrute destas datas ten que ser comedido. Deste xeito, desde o Concello anunciouse unha completa programación adaptada ao contexto sanitario actual.
Sábado 7. Alborada de Trubisquiñas e O Revoltixo desde as 10:00 ata as 13:00 horas pola parroquia de Vimianzo. Tamén haberá misa cantada por Trubisquiñas.
Dentro do programa ‘Vimianzo Artesanía Viva’ desenvolverase ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo o taller «Sopla o vidro» para aprender a facer contas de vidro a soplete da man de Esther Ferreiro. As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través da páxina web do Concello.
Tamén haberá visitas guiadas ao Castelo. Enmarcadas dentro da iniciativa ‘Vimiturismo’, realizaranse ás 17:00 horas e 19:00 horas. Quen desexe optar por desfrutar dos Batáns do Mosquetín poderá participar nas visitas que se organizarán durante todo o día. Será necesario reservar praza ata 1 hora antes do comezo a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello.
Xa de noite, preto das 21:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a verbena de O Sonoro Maxin: «De navallas e cumbias». Entradas na Casa da Cultura.
Domingo 8. Alborada de Trubisquiñas e O Revoltixo desde as 10:00 ata as 13:00 horas pola parroquia de Vimianzo. Tamén haberá misa cantada por O Revoltixo.
Dentro do programa ‘Vimianzo Historia Viva’ realizaranse visitas teatralizadas ao Castelo de Vimianzo en horario de 12:30 horas e 17:00 horas. As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través da páxina web do Concello. As visitas ao Castelo continuarán grazas a ‘Vimiturismo’ ás 11:00 e ás 19:00 horas. Tamén será posible visitar os Batáns do Mosquetín.
Por outra banda, a vimiancesa Irma Macías, Bieito Romero e Bieito Romero Diéguez interpretarán «Cantos de Cego, melodías tradicionais e outras músicas». A actuación será ás 21:00 horas na Praza do Concello, e as entradas deberán recollerse na Casa da Cultura.
Luns 9. Dentro da programación do ‘Vimiansol’ ás 19:00 horas, na Praza do Concello, terá lugar o espectáculo de Dani García ‘Don Gelati’. A festa da escuma despedirá estas datas festivas no mesmo lugar. Poderanse retirar as entradas na praza ese mesmo día desde as 18:00 horas.