Vimianzo celebra o 25 aniversario do Asalto ao Castelo lembrando a súa orixe

Mónica Rodríguez & Valentín González Formoso.

O Concello de Vimianzo organizou este venres o acto do 25 aniversario do Asalto ao Castelo na praza do concello con varias actuacións culturais e coa presenza das máximas autoridades da provincia. Centos de vimianceses acudiron á cita para festexar o cuarto de século dunha festa que está a traspasar fronteiras. Manuel Rial, da organización do Asalto ao Castelo, foi o condutor dun evento que congregou a centos de veciños e veciñas da vila.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que o castelo de Vimianzo é un elemento patrimonial que «é un orgullo para todos nós» e a aposta pola súa posta en valor «está a dar os seus froitos». «Recuperamos ese espírito que aínda mantén esta terra. Seguiremos poñendo a vosa disposición os investimentos necesarios para seguir poñendo en valor este Castelo, seguiremos apoiando esta festa e seguiremos apoiando a Vimianzo», sentenciou o presidente.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lembrou que a pandemia impediu a celebración deste acto no 2020 e tivo unha lembranza especial para os falecidos por mor da Covid. «Antes de comezar quixera ter unha lembranza especial para todos os nosos veciños que non puideron superar a Covid, para todas esas familias que hoxe non o poden festexar porque conviven coa dor das ausencias, e tamén os veciños e veciñas que hoxe están lonxe de Vimianzo».

Tamén se referiu ao xermen do evento, que naceu «no seo dunha asociación xuvenil e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. E quero destacar que ese espírito é o máis importante da nosa festa». Rodríguez tamén tivo palabras de agradecemento as entidades que fixeron e fan posible esta festa que recentemente foi designada como Festa de Interese Turístico de Galicia. «Agradezo en nome de todos os vimianceses a entidade organizadora Cherinkas, e por suposto a Axvalso (entidade que iniciou a festa). Xuntos traballamos para esta festa, a nosa festa siga medrando. O voso traballo viuse tamén reflectido na recente catalogación de Festa de Interese Turístico Galego».

«Pasaron xa 550 anos da Gran Guerra Irmandiña, ese momento no que o pobo se ergueu contra o abuso dos señores feudais. Por iso cada ano convertémonos en asaltantes para tomar o castelo de xeito simbólico», explicou.

A alcaldesa agradeceu tamén a presenza da entidade ABC do partido xudicial de Corcubión de Buenos Aires, encabezada polo seu presidente Carlos Oscar Ameijeiras, «que cruzaron o Atlántico coas gaitas, tambores e pandeiretas que hoxe as fixeron resoar para todas e todos nos en Vimianzo, na súa terra», indicou.

A subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, asegurou que “Vimianzo ten patrimonio, ten cultura, ten historia e ten gastronomía. Un bo número de atractivos que merecen ser coñecidos e visitados”.


Tamén falou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, que apuntou que “o asalto, inspirado na gran guerra irmandiña do 1467, é unha mostra da tradición que encumbra ao pobo galego como ensalzador de liberdade e de xustiza. Grazas a este tipo de celebracións de da man do Ano Santo, no que máis de 135.000 Compostelas foron seladas no que vai de ano, e máis de 1 millón de turistas visitaron a nosa comunidade no primeiro cuarto de ano, os galegos nos facemos máis visibles e exportamos o mellor da nosa terra ao mundo”.

Durante o acto a cantante vimiancesa Irma Macías, deleitou aos asitentes co himno galego. Tamén amenizaron o evento conmemorativo a Escola de Gaita, Percusión, Baile Tradicional Galego e Cantos de Taberna «Alborada», a ABC do Partido de Corcubión de Buenos Aires, e os Grupos de baile Foliada de Salto e Airiños do Río Grande.

Autoridades participantes no evento este venres.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha