- Os cartos recadados irán destinados á Coordinadora Española de Organizacións para o Desenvolvemento
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu este venres unha gala solidaria a favor do pobo ucraíno. O evento arrincou ás 21:00 horas e foi todo un éxito. Desde o goberno local sinalan que unha hora antes da apertura de portas xa se despacharan 150 tíckets.
A veciñanza puido adquirir as súas entradas no propio Auditorio, a un prezo de 5 euros, e tamén a través de Woutick co mesmo custo ou coa opción de ‘Fila 0’, unha opción para doar que estará activa ata o 12 de abril. A cantidade recadada destinarase á Coordinadora Española de Organizacións para o Desenvolvemento.
No evento déronse cita a Escola Municipal de Música Tradicional e Moderna, o Coro Municipal, Irma Macías e Xaquín Rama, Jaime Lema, Suso Andrea, o dúo José e Pepe, as bandas de gaitas da AC Trubisquiña e O Revoltixo de Carantoña, a charanga Pasarela Big Band, os Bastardos de Rivera e Teima.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer o «compromiso de parte do noso tecido cultural, neste caso do ámbito musical» para con esta causa, demostrando con esta gala que Vimianzo é un pobo solidario.