O Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña colaborarán para executar a pavimentación no Porto de Cereixo, uns traballos que contarán cun orzamento base de case 56.000 euros. O ente provincial achegará o 80% dos fondos e a Administración local o 20% restante.
As intevencións terán lugar no camiño que vai desde a estrada CP-1603 ata a Igrexa de Santiago, no lugar de Porto de Cereixo. Actuarase nunha superficie de arredor de 1.200 metros cadrados.
Contémplase un acabado sobre zahorra de formigón armado con acabado lavado, con remates perimetrais de adoquín para salvar as discontinuidades coas vivendas e peches de parcela, e a formación da canle nunha das marxes cos mesmos adoquíns.
Estes, situados na marxe do camiño, dirixirán a auga por superficie cara un sumidoiro lonxitudinal, que se conectará á rede de pluviais existente. O espazo delimitado como banda central ocupará 4m de ancho e a idea é prolongar o pavimento adoquinado na marxe da estrada provincial para conectar o paseo de Cereixo e a ponte da CP-1603 con esta actuación, favorecendo así a continuidade do paseo e o camiño no que se actúa.
Neste proxecto o total do ancho do camiño constitúe unha plataforma única de uso preferentemente peonil. Nesta plataforma diferéncianse dúas zonas no pavimento, formigón e adoquín, sen cambios de altura en sección co obxectivo de ordenar e darlle coherencia formal co resto de actuacións plantexados na contorna do BIC, as Torres de Cereixo.
A circulación de vehículos a esta plataforma única son, en calquera caso, ocasionais e unicamente co obxectivo de dar acceso ás vivendas anexas e á propia igrexa e cemiterio. Por outra banda, recalcar que ao ter lugar os traballos nunha contorna de protección dun elemento BIC, e outros elementos catalogados como a Igrexa de Cereixo, o Carballo da Igrexa, o muíño de mareas, os hórreos tradicionais ou Vila Purificación, a elección de pavimentos vén determinada polo emprego de materiais coherentes coa contorna, na procura de acadar un alto grado de coherencia nos materiais e solución formais potenciando unha imaxe de homoxeneidade e acabado de conxunto nunha visión ampla.
Ademais prevese unha canalización para unha futura iluminación nesta zona. As obras a realizar se consideran de interese xeral para o núcleo de poboación e pretenden mellorar a calidade de vida da veciñanza, así como a estética dun camiño actualmente degradado. O prazo de execución será de tres meses desde o comezo da mesma.