Vimianzo | Comeza a renovación das instalacións de alumeado exterior


O Concello de Vimianzo comezará en breve coa renovación das instalacións de alumeado exterior en todo o municipio, un proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros, grazas á subvención acadada co Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).

A entidade aportará o 80% do orzamento e o Concello o restante 20%, un total de 472.473,70 euros, para conseguir aforrar máis do 50 % na facturación deste servizo, implementando así a tecnoloxía LED en todas as luminarias.

As novas instalacións serán máis eficientes e conseguirase, con isto, un menor impacto ambiental. Cabe destacar que estas luminarias empregan o 95% da enerxía da luz e tan só se desperdicia un 5% en calor, facéndoas máis duradeiras.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que con este “ambicioso proxecto queremos mellorar non só a facturación, tamén a imaxe e a seguridade viaria en todas as vías do noso municipio”.

Renovación de máis de 4.500 puntos de luz

Logo das máis de 300 bombillas que xa se instalaron no núcleo urbano de Vimianzo, este proxecto implicará a renovación de máis de 4.500 puntos de luz nos 133 lugares do municipio. Realizarase unha intervención por fases ata completar os espazos nos que exista alumeado público.