Vimianzo comezará en breve as obras de pavimentación no interior da Carballa

1 minutes read
  • Cun presuposto de 108.000 euros, estas intervencións enmárcanse no Plan Único da Deputación

O Concello de Vimianzo comezará nas próximas semanas os traballos de arranxo do pavimento interior na Carballa. Unhas actuacións valoradas en 107.966,60 euros e que se enmarcan no Plan Único da Deputación da Coruña.

Por unha banda actuarase na estrada con dirección Subeiro, xa que «presenta partes con discontinuidades, baches e fundimentos que supoñen un inconvinte para o paso dos vehículos e a súa seguridade», destacan desde o goberno local. A intervención completarase coa limpeza e perfilado das cunetas con motoniveladora para que se evacúan as augas da chuvia de xeito correcto.

A outra parte da intervención concentrase na rúa principal do núcleo, demolendo o actual pavimento para crear outro con formigón impreso. Tamén se construirá unha rede de recollida de pluviais así como unha preinstalación da recollida de augas residuais. Neste último punto, desde o consistorio afirman que está en fase de estudo unha posible ubicación da depuradora no lugar.

O prazo de execución das obras é de tres meses e desde o goberno local agardan seguir cumprindo con todas as demandas proxectadas para o rural e que, coma estas, xa estaban nos seus plans de mellora.