O Concello de Vimianzo continúa a súa firme aposta pola preservación, conservación e posta en valor do seu patrimonio arqueolóxico. Tanto é así que o vindeiro 10 de maio comezarán de novo os traballos de escavación no Castro das Barreiras. O proxecto foi enviado esta mesma semana á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa autorización.
Os traballos, comandados por Tito Concheiro e dos que se encargarán novamente o equipo de Terra Arqueos, daranlle unha “nova visión” ao xacemento, segundo explica o propio arqueólogo.
“Imos a facer algunhas cousas diferentes. Cando se leva a cabo a sexta campaña consecutiva non podemos falar doutra cousa senón de continuidade, sendo un exemplo para toda Galicia”, e adianta que “estamos a traballar coa perspectiva de poder facer esta campaña de primavera e outra no outono”, coincidentes coa tempada escolar, e poder sumar un dos activos máis importantes dun xacemento arqueolóxico: a rapazada.
Así, intervirase na metade do xacemento que se orienta cada o suroeste, coa mirada posta na muralla e o seu paramento interior, no que está previsto acometer traballos en hasta 30 metros. “Tamén ampliaremos a casa que se descubriu o ano pasado e escavaremos novamente no cemiterio cerámico”, subliña Concheiro.
Principal novidade
Unha das principais novidades e polo que será tan importante esta intervención é o descubrimento da primeira “Cabana de poste” no Castro, unha construción que data de moito antes das típicas castrexas. “Podemos estar ante as primeiras épocas das Barreiras, e isto suporá un antes e un despois en como entendemos todo este xacemento”, determina Tito Concheiro.
“Será unha intervención moi frutífera, nun lugar no que canto máis preguntas, máis che responde”, finaliza Concheiro, quen quixo agradecer novamente “ao Concello de Vimianzo a súa confianza e aposta polo Patrimonio arqueolóxico do municipio.”