Vimianzo completa o seu Nadal coa inauguración da pista de xeo

Inauguración de la pista de hielo en Vimianzo_Concello

  • O Concello, a hostalería e o comercio impulsan a economía local ‘Bono Xeo’

Vimianzo inaugurou este venres unha pista de xeo natural que se atopará en funcionamento ata o 9 de xaneiro. Instalada na Praza do Concello, estará operativa das once da mañá ás once da noite; un horario moi amplo para que veciños da localidade e doutras zonas da comarca se acheguen a pasar un bo momento.

A pista de xeo, enmarcada nunha programación de Nadal moi completa, abriuse ao público a partir das 18:00 horas, se ben houbo usuarios máis privilexiados. Falamos da rapazada do CEIP San Vicenzo, que deu o visto e prace durante a mañá deste venres tras probar a instalación ao igual que o fixeron dúas deportistas vimiancesas, que ademais realizaron unha exhibición previa á inauguración. Ao acto tamén asistiron varios integrantes do goberno local.

O prezo de entrada, que inclúe patíns, é de 5 euros e poderá reservarse a través da aplicación móbil de Saudeter ou na web. Será obrigatorio o uso de guantes e de máscara sanitaria.

‘Bono Xeo’ para impulsar o comercio e hostalaría

Ao igual que sucedeu o pasado Nadal ‘Vimibonos’ para impulsar o comercio e a hostalería do municipio, este ano a Administración local sumouse ao tecido comercial co ‘Bono Xeo’. Quen merque ou deguste nos establecementos de Vimianzo optará a un boleto para desfrutar de 45 minutos de balde na pista de xeo.