Vimianzo | Concello, Cáritas e Cruz Vermella inician unha campaña de doazón de alimentos

Concello de Vimianzo

  • Esta iniciativa substitúe á tradicional Gala Solidaria debido á situación epidemiolóxica

O Concello de Vimianzo, Cáritas e Cruz Vermella unen forzas novamente nunha situación marcada pola Covid-19. Nesta ocasión as representantes de todas as entidades decidiron substituír a tradicional Gala Solidaria por unha doazón de alimentos. A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a directora adxunta de Cáritas, María del Carmen Vázquez, e a presidenta de Cruz Vermella, Rebeca Veiga, reuníronse este mércores na Alcaldía para concretar os detalles desta iniciativa.

Desde as tres institucións agradecen a implicación das empresas e comercios locais coas persoas máis desfavorecidas ao tempo que se insta á veciñanza a colaborar xa que por «prevención e responsabilidade» este ano tampouco participará o grupo de voluntariado.

As persoas interesadas en axudar poderán depositar alimentos non perecedoiros, produtos de limpeza ou de hixiene en supermercados, igrexas, centros educativos e centros sociais. Tamén será posible realizar unha doazón económica na conta bancaria ES51 2080 0082 4130 0007 3452, podendo solicitar un certificado a efectos fiscais antes do 31 de decembro en Cáritas ou Cruz Vermella.