- A alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez e técnicos da Deputación visitaron este venres o espazo
A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo xa pensan na segunda fase do proxecto de reforma da instalación eléctrica do castelo da vila. Tras licitar unha primeira fase, que está en execución e estará lista antes de Semana Santa, ambas institucións xa teñen a vista posta na continuación dun proxecto que comezaba o pasado ano. A alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez e os técnicos da entidade provincial Marina Cabana, José Yáñez e David Beiras visitaron este venres o espazo.
Por ser un Ben de Interese Cultural (BIC) realizouse a substitución de condutores, mecanismos e elementos de iluminación minimizando a actuación sobre a contorna pero cumprindo coas esixencias básicas en seguridade estrutural, en caso de incendio ou en aforro de enerxía. O proxecto conta cun orzamento de 103.751,96 euros e consta da instalación de cadros eléctricos novos ademais da nova iluminación e novos aparellos de emerxencia e sinalización. Tamén se instalarán novos condutores e canles realizadas en tubaxe de cobre para canalizar os novos circuítos, así como unha nova toma de terra.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou que esta intervención é «unha continuación da nosa firme aposta polo coidado e posta en valor dun dos edificios máis senlleiros da provincia e que acolle anualmente eventos culturais como a Mostra de Artesanía en Vivo».
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo agradeceu o apoio e traballo de todas as persoas implicadas para levar a cabo un proxecto «moi necesaio no interior do noso Castelo, e xa pensamos en mellorar tamén o sistema no exterior, que non só suporá melloras a nivel de aforro, tamén estéticas».