Vimianzo conmemora os 25 anos da súa «Mostra de artesanía ao vivo»

1 minutes read
  • Este venres 23 de agosto terá lugar un acto especial no marco do Desfile do Liño

O concello de Vimianzo está celebrando por todo o alto os 25 anos da Mostra de artesanía ao vivo no castelo, unha iniciativa impulsada polo propio concello e tamén pola Deputación da Coruña.

Nun mes repleto de actividades, este vindeiro venres 23 de agosto terá lugar o tradicional Desfile da Asociación Amigos do Liño. Esta agrupación foi a primeira en iniciar este cuarto de século de Mostra no castelo xunto con sete palilleiras vimiancesas.

Así, a partires das 19:30 horas haberá un recoñecemento para esas primeiras persoas que iniciaron a Mostra e para todas as diferentes artesanías que pasaron pola fortaleza e que hoxe son todo un referente en Galicia. E posteriomente, o patio de armas convertirase nunha gran pasarela onde poder ver diferentes pezas realizadas en liño vestidas por modelos voluntarias veciñas da comarca.

O programa de dinamización “Vimianzo Artesanía Viva” contará con dúas actividades máis co liño como protagonista: “Tecendo liño” da asociación O Santiaguiño de Carreira este sábado 24, e un obradoiro para aprender a facer xabón artesanal con aceite de liñaza coa Asociación Amigos do Liño que terá lugar o xoves 29.

Alén diso, desde este martes pode verse na cociña da fortaleza unha nova exposición artesá, neste caso centrada na Olería de Buño da man dos Obradoiros Cambón e Lista.