O municipio de Vimianzo contará cun servizo de apoio psicolóxico a domicilio dirixido a todas aquelas persoas de máis idade que, por diversas circunstancias, precisen este tipo de atención e acompañamento ao atoparse nunha situación de soidade non desexada.
A iniciativa, que parte do Concello grazas ao apoio da Deputación da Coruña, poñerase en marcha nas vindeiras semanas. Os servizos sociais municipais serán os coordinadores deste proxecto que será posto en marcha por PsicoNova, unha plataforma especializada no desenvolvemento de proxectos sociais nas áreas de envellecemento, igualdade, saúde e educación.
Entre as accións que se contemplan en dito servizo atópase a avaliación dos estados de ánimo e cognitivo, o adestramento das funcións cognitivas básicas (memoria, atención, orientación ou funcións executivas), o acompañamento, a promoción da participación en actividades sociais e colectivas ou a intervención sobre a autoestima.
Esta iniciativa forma parte do ‘Plan local de loita contra a soidade’ posto en marcha pola Deputación da Coruña. Un proxecto que se iniciou hai varios meses co fin de detectar, derivar e mellorar as iniciativas comunicativas de cara a incrementar a rede de relación das persoas.
Aquel plan piloto inicial desenvolveuse en tres municipios da provincia, sendo Vimianzo un dos elixidos. Grazas a isto, o municipio conta cunhas 80 antenas, é dicir, persoas clave que se atopan repartidas polas 14 parroquias vimiancesas e que colaboran cos servizos sociais municipais para detectar a aqueles veciños e veciñas en situación de soidade non desexada e que, a maiores, precisen axuda ou máis recursos.
37