A praza do Concello de Vimianzo acollerá este Nadal un ‘Recuncho gastronómico e cultural’ con carpa que incluirá postos e actividades para todos os públicos. Estará habilitado desde o xoves 21 de decembro ata o domingo 7 de xaneiro.
Este espazo contará con múltiples e moi variadas actividades. Por unha banda, na sección gastronómica habilitaranse distintas casetas con produtos típicos destas datas, tanto doces como salgados. Pola outra, na cultural realizaranse actuacións para todos os gustos e idades, “haberá desde espectáculos musicais ata sesións infantís”, adiantan desde o goberno local.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o importante e incansable labor que desempeñan tanto desde o comercio como da hostalaría, que tamén porán en marcha distintas campañas para celebrar o Nadal apoiando o comercio local.
Vimianzo prenderá as luces deste máxico Nadal cun xa tradicional acendido que terá lugar o día 2 de decembro ás 20:00 horas. A rexedora convidou a “todo o mundo a achegarse a Vimianzo, o corazón da Costa da Morte, para vivir e sentir estas datas tan especiais”.