Vimianzo contaxiará á cativada a maxia dos libros coa súa Semana da Biblioteca

O Concello conmemora a Semana da Biblioteca Municipal de Vimianzo cunha programación especial dirixida á cativada dos centros educativos co obxectivo de fomentar a lectura e a creatividade desde as idades máis temperás. As actividades, que terán lugar o 22 e o 24 de outubro, enmárcanse na celebración do Día da Biblioteca (24 de outubro) e están subvencionadas polo programa de animación á lectura ‘Ler conta moito’ da Xunta de Galicia.

Trátase de dúas propostas pensadas para diferentes idades e que convidan aos pequenos e pequenas a desenvolver toda a súa imaxinación.

O mércores 22 de outubro, ás 10:30 horas, será a quenda de Pakolas co espectáculo musical ‘A Ramona pequena vai á lúa’, unha divertida viaxe rockeira na que o público acompañará a Ramona dende os seus pensamentos ata a lúa. A actividade está dirixida ao alumnado de infantil do CEIP San Vicenzo e da E.E.I. de Carantoña.

O venres, día 24, tamén ás 10:30 horas, a maxia tomará o relevo da man de Dani García, que presentará ‘Maxia entre liñas’, un espectáculo no que os libros e as historias son ferramentas para sorprender e ilusionar. Esta actividade está dirixida ao alumnado de primaria do CEIP San Vicenzo.

Related posts

Conclúen as obras de renovación da rede de abastecemento de auga na Avenida Méndez Núñez de Caión

Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso