O Concello de Vimianzo presenta unha programación de Entroido para todos os públicos que está protagonizada polo tradicional concurso de disfraces, no que se repartirán 2.870 euros en premios.
O certame contará con catro categorías:
- Na de comparsas poderán participar agrupacións formadas por un mínimo de 20 compoñentes, que garden unha unidade temática e que desfilen ou realicen algunha actuación.
- Na categoría de grupos terán cabida aquelas agrupacións formadas por un mínimo de tres e un máximo de 19 compoñentes, que igualmente garden unha unidade temática e que desfilen ou realicen algunha actuación.
- En canto ás parellas, a agrupación será dun máximo de dous compoñentes, que deberán gardar tamén unha unidade temática.
- Por último, a categoría individual infantil será para as persoas menores de 16 anos que concursen individualmente.
Todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente. Poderano facer desde a publicación das bases no BOP ata o 8 de febreiro de 2024 ás 23:59 horas, a través da Sede Electrónica Municipal ou presencialmente no Rexistro.
A orde do pasarrúas e nas actuacións será determinado en función da orde de inscrición, xa que a cada solicitante seralle asignado un número dorsal, que deberá ser recollido ese mesmo día.
A xornada estará animada desde o comezo coa música da charanga Santa Compaña e a orquestra Eureka.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar e “repetir o éxito de participación e diversión que ten cada ano por estas datas”.