Vimianzo convoca unha nova edición do concurso infantil de Postais de Nadal

Concurso do ano 2023_CV_Arquivo.

O Concello comeza a quecer os motores para celebrar o Nadal 2025 por todo o alto. Faino, como cada ano, co lanzamento do concurso infantil de Postais de Nadal, co que busca fomentar a creatividade e o espírito destas datas entre a rapazada.

Baixo o lema ‘Vive o Nadal en Vimianzo’ o certame está dirixido a todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, que poderán presentar as súas creacións con técnica libre – agás purpurina, algodón ou tintas metálicas – en formato A4.

Os traballos deberán entregarse na Casa da Cultura, de luns a venres en horario de 10:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. O prazo de presentación estará aberto dende este luns, 10 de novembro, ata o 15 de decembro.

Establécense catro categorías segundo o nivel educativo:

  • Categoría A: 4º, 5º e 6º de Educación Infantil
  • Categoría B: 1º e 2º de Educación Primaria
  • Categoría C: 3º e 4º de Educación Primaria
  • Categoría D: 5º e 6º de Educación Primaria

En cada categoría outorgaranse dous premios consistentes en material didáctico ou libros de lectura. Ademais, de entre os debuxos premiados o Concello seleccionará un para empregar como postal oficial de felicitación do Nadal 2025.

O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro, coincidindo coa entrega de premios, que se celebrará nun acto público na Casa da Cultura. Todos os traballos presentados permanecerán expostos na sala de exposicións Antón Mouzo durante as festas.

Related posts

Vieiro pon en funcionamento o programa “Pais e Nais no Océano Educativo”

Detectado un foco de gripe aviaria en Cee

Vimianzo acenderá as súas luces de Nadal o vindeiro 5 de decembro