- A entidade tamén pechará a oficina de Zas
O Concello de Vimianzo convocou para este xoves, ás 13:00 horas, unha concentración en rexeitamento ao inminente peche da sucursal de Abanca en Baíñas. «Esta sucursal supón un servizo básico para a veciñanza que non pode pechar», afirman desde o Goberno local.
A entidade bancaria tamén anunciou que pechará a súa oficina en Zas o próximo 8 de setembro. O rexedor, Manuel Muíño, xa se puxo en contacto con outros alcaldes da zona, entre eles o de A Baña, co fin de realizar unha serie de medidas conxuntas e loitar contra esta medida que afecta a moitos máis municipios do rural galego.
«Estas son as consecuencias que pagamos agora todas e todos», afirmou Muíño, tras rescatar a Abanca con 9.000 millóns de euros de diñeiro público para ser «malvendida por mil millóns de euros a unha empresa que ano tras anos presenta beneficios a base de centralizar as operacións na banca virtual incrementando abusivamente as comisións».