Vimianzo dará a coñecer co programa «O teu Xacobeo» a súa relación co Camiño de Santiago

3 minutes read

Andainas, un taller fotográfico, visitas guiadas, representacións teatrais ou un foro entre as actividades a través das que o Concello de Vimianzo porá en valor a súa riqueza patrimonial e cultural e a súa vinculación co Camiño de Santiago. As diferentes iniciativas enmárcanse dentro do proxecto ‘Translatio e Camiños de Santiago nas Terras dos Condes de Altamira’, incluído no programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia.

O Consistorio retoma deste xeito unha proposta de enorme interese divulgativo, que o ano pasado tivo que ser aprazada pola crise sanitaria derivada pola covid-19, e que se recupera para os meses de agosto e setembro. As iniciativas diríxense á poboación xeral e aos nenos e nenas de centros educativos de Vimianzo.

“O noso concello ten unha relación moi especial coas rutas xacobeas. Unha vinculación na que agardamos seguir profundizando e avanzando, a través do estudo do patrimonio, da cultura e da gastronomía vimiancesas e da súa conservación e posta en valor para dar a coñecer estes recursos de incalculable valor a través de programas como este”, sinalou a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez. “O porto de Cereixo, a igrexa da translatio de Cereixo ou as hermidas de Castrobuxán, da Peregrina da Lagoa, de Montetorán e Vella de Tines están relacionadas, segundo expertos, coas rutas xacobeas, e a través destas actividades, enmarcadas no proxecto ‘O Teu Xacobeo’, queremos resaltar a súa importancia e situar a Vimianzo como parte do Camiño a Santiago”, resaltou.

Programación

A programación dará comezo o 20 de agosto coa visita teatralizada no enclave de Cereixo a cargo da compañía Os Quinquilláns, que realizarán unha representación todos os venres ás 17:00 horas ata o 24 de setembro.

O 28 de agosto celebrarase unha andaina cultural, que comezará na Lagoa e chegará ata Castrobuxán, pasando por Pasarela e Ponte da Furaqueira. No medio da ruta as persoas participantes deleitaranse con espectáculos musicais e teatrais. No percorrido poderán atoparse coa Ermida da Lagoa (onde se venera á Nosa Sra. da Peregrina) ou a Ermida de Castrobuxán. O punto de encontro será na Ermida da Lagoa ás 10:00 horas.

Unha vez chegados a Castrobuxán, celebrarase un pícnic que polas circunstancias sanitarias existentes obriga a que cada participante leve a súa propia comida. O remate desta xornada de lecer está previsto para ás 13:00 horas. Haberá servizo de autocar que levará de volta a todas as participantes ao punto de encontro.

O 28 de agosto tamén contará co ‘Serán no Camiño’, unha xornada con diversas actividades culturais para gozar en familia e coas amizades.

Xa en setembro, o día 4, realizarase o ‘Percorrido translatio desde Vimianzo pasando por Cereixo, Muxía, Fisterra, Dumbría, Padrón e con chegada, como non podía ser doutro xeito, a Santiago.

Na xornada do 18 realizarase outra andaina, nesta ocasión polo camiño de Muxía a Cereixo. No mesmo día terá lugar un taller formativo de fotografía.

Continuará a programación o 24 de setembro cun foro no que se abordará a relación de Vimianzo co Xacobeo e aquelo que o municipio pode ofrecer a nivel turístico e cultural con expertos e expertas.

A programación contará tamén con representacións teatrais os sábados, unha exposición e diversas actividades dirixidas aos escolares do municipio, co obxectivo de achegar o patrimonio de Vimianzo a todas as persoas do municipio.  

O aforo é limitado, polo que é preciso inscrición, que poderá irse realizando a través do correo electrónico desenvolvemento.local@vimianzo.gal. Proximamente habilitarase un formulario online que estará dispoñible na páxina web do Concello www.vimianzo.gal. As actividades iranse anunciando a través das canles oficiais do Consistorio.