Vimianzo | De xaneiro a marzo de 2023 cultura e moita música na ‘Costa da Vida’

1 minutes read

Este luns deuse a coñecer o programa completo do proxecto ‘Costa da Vida’, que se desenvolverá entre xaneiro e marzo de 2023 cun concerto inaugural de Mercedes Peón este sábado 5 de novembro, acompañada de Ana Fernández e Mónica Nut nun formato especial adaptado ao patio do Castelo de Vimianzo. O programa pecharase de novo na fortaleza soneirá cun concerto especial do pianista Javier Otero acompañado de Irma Macías e a Banda Trubisquiña.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a técnico de Cultura, Nieves Lema; o director de AGADIC, Jacobo Sutil e Mercedes Peón, música e cantante, participaron no acto de presentación na Casa da Cultura vimiancesa.  

Trátase dun proxecto diferente que chegará a todos os estamentos da sociedade vimiancesa para converterse nun elemento vertebrador e transversal, introducindo unha intensa actividade cultural con compoñentes contemporáneos na vida cultural do municipio. Consta de 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia.

O obxectivo principal de ‘Costa da Vida’ é implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para a dinamización sociocultural do municipio, recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados do municipio a través da cultura e dunha visión e mensaxe positivas da terra e da comarca.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o traballo “de todas as persoas implicadas en ‘Costa da Vida’, no que reside unha vontade maiúscula para levar a cultura por todo o territorio e a ilusión por materializalo”, e quixo destacar “o traballo de Nieves Lema, unha das artífices de que se poida comezar un camiño que nos ilusiona moito”, así como a “Jacobo e Mercedes, que tamén nos acompañaron neste acto moi importante para nós”, concluíu.