Vimianzo debaterá no pleno deste venres destinar 40.000 euros en axudas á hostalería

Imaxe de arquivo da terraza dun bar

  • Cada negocio poderá recibir unha contía de ata 600 euros

O Concello de Vimianzo debaterá, no pleno ordinario deste venres, a aprobación dunha modificación de crédito para adicar unha partida de 40.000 euros en axudas aos establecementos hostaleiros do municipio, entre outros asuntos.

A alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, mantivo recentemente varias xuntanzas con diversos representantes do sector para abordar esta liña de axudas coa que cada negocio poderá recibir ata 600 euros, a expensas “do que poida acontecer” nun futuro próximo con respecto á situación sanitaria. O goberno local agarda contar co apoio total cos diversos grupos da corporación como primeiro paso para facer efectiva esta aportación.

No relativo ás terrazas, a vontade do Concello é “consensuar un modelo concreto, amparado pola conseguinte viabilidade técnica e atendendo os criterios que nos achegan os propietarios.”

A rexedora prefire ser cauta xa que a localidade leva pechada varios meses, e ten a esperanza de que outras administracións colaboren e así poder chegar a unha solución óptima para todos. Ademais, a pesar de estar centrados no sector da hostalería por ser o que máis sufriu as restricións, desde a executiva local teñen a vontade de poder centrarse no resto de empresas locais.