- O cociñeiro vimiancés Fabián Mouzo realizará un especial showcooking onde estarán representandos os pinchos irmandiños e os callos da Faguía de Carnés
A boa oferta gastronómica de Vimianzo a través da súa hostalaría, produtores locais e festas estará presente este venres na feira gastronómica máis importante de Galicia, Xantar, que se celebra en Ourense.
No espazo da Deputación da Coruña, o Concello de Vimianzo realizará ao longo do día degustacións e demostracións de cociña. A calidade dos produtos locais, a recoñecida sona da súa hostalaría e empresariado, ademais das súas festas son as tres patas nas que se baseará a presenza vimiancesa na feira.
O cociñeiro vimiancés Fabián Mouzo será o encargado de poñer sobre a mesa os “Sabores da historia”, unha representación dos pinchos irmandiños do Asalto ao Castelo e dos callos da Faguía de Carnés, declarada festa de interese turístico de Galicia. Desta forma, o concello pretende divulgar a variedade e riqueza histórica e cultural destas e outras festas gastronómicas do municipio.