Vimianzo | Deseño, xardinaría e teatro para traballar a igualdade polo 8M

Casa da Cultura de Vimianzo

  • No miradoiro da Torre crearase un xardín vertical no que a veciñanza poderá participar mediante cita previa

O próximo luns 8 de marzo celébrase en España o Día da Muller, unha data na que institucións, colectivos e cidadáns buscan tomar maior conciencia sobre a igualdade na sociedade. O Concello de Vimianzo decidiu realizar varias actividades previas de cara ao 8M.

Entre elas atópase a creación dun xardín vertical no miradoiro da Torre baixo o lema “(Im)plantemos a igualdade”. Poderá participar calquera persoa sempre que o solicite mediante cita previa para evitar aglomeracións. Habilitarase o número de teléfono 604 004 086 durante este mércores e xoves, para poder realizar a composición o venres. A presentación do xardín completamente rematado será o vindeiro luns ás 12:00 horas.

Ademais, tamén se opta por un concurso de imaxe gráfica coa finalidade de promover a igualdade a través dun distintivo que poderá ser empregado nas comunicacións e documentos oficiais do Concello. Neste caso os participantes serán os alumnos do IES Terra de Soneira. O prazo finaliza o 22 de marzo.

Por último, tamén está prevista a organización o vindeiro 11 de marzo dun teatro-coloquio coa compañía Tarabela Creativa e cuxos destinatarios serán as alumnas e alumnos do obradoiro de emprego. Será na Casa da Cultura ás 10:30 horas e o espectáculo denomínase Tabú, un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, sexualidade ou amor das mulleres no rural.