Vimianzo desenvolverá un proxecto sobre alimentación e cambio climático a nivel europeo


O Concello de Vimianzo acaba de ser seleccionado, xunto con outras cinco iniciativas, para participar no ‘FOOD WAVE’, un proxecto que forma parte do programa da Comisión Europea ‘DEAR – Educación para o Desenvolvemento e Sensibilización’ que ten por obxectivo apoiar e involucrar a opinión pública europea en temas sociais, económicos e ambientais a nivel mundial.

‘Food Wave Vimianzo’ desenvolverase desde o 1 de setembro ao 20 de decembro deste ano e vai dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. O obxectivo principal é mudar o seu comportamento de consumo de alimentos e promover un cambio a sistemas alimentarios máis ecolóxicos e inclusivos para reducir o avance do cambio climático.

O proxecto que promoverán desde o Concello de Vimianzo contará cunha subvención de 5.000 euros e servirá para poñer en marcha talleres baseados no poder ecolóxico do consumidor de alimentos. Actividades que terán lugar en cociñas, xardíns, comedores ou hortos e que tamén estarán completadas con visitas a industrias e lonxas de pescados.