Vimianzo destaca con ‘Costa da Vida’ entre os 15 proxectos do fondo Territorio Cultura da Xunta

Cedida.

O Concello de Vimianzo estivo presente este luns na exposición dos 15 proxectos subvencionados ao abeiro da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura da Xunta de Galicia, dotada inicialmente con 630.000 euros. Entre eles atópase ‘Costa da Vida’.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a técnico de Cultura, Nieves Lema, participaron na reunión co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O obxectivo principal de ‘Costa da Vida’ é implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para a dinamización sociocultural do municipio, recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados a través da cultura e dunha visión e mensaxe positivas da nosa terra e da nosa comarca.

Trátase dun proxecto diferente que chegará a todos os estamentos da sociedade vimiancesa para converterse nun elemento vertebrador e transversal, introducindo unha intensa actividade cultural con compoñentes contemporáneos na vida do municipio. Consta de 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha este programa, a través da súa propia convocatoria e subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation UE.