- O cociñeiro local Fabián Mouzo foi o encargado de realizar o showcooking
A cociña da Costa da Morte continúa sorprendendo en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Este sábado o cociñeiro vimiancés Fabián Mouzo participou nun showcooking dentro do stand da Deputación da Coruña cun pincho irmandiño co aroma do mar como elemento principal.
A tapa ‘Brisa’, con forma de palmeira, contén elementos como a alga codium, o hoxaldre, o ourizo de mar, o carpaccio de sardiña e cervexa que evocan «o sentimento de cando te atopas coas augas do Atlántico, un bico entre o mar e Vimianzo no Coído de Sabadelle», sinalou o chef local, que elaborou este particular prato con Yamila Sidati, unha nova promesa da gastronomía que vén de proclamarse terceira do mundo no Campionato Internacional de Noveis Panadeiros da UIBC, celebrado na cidade francesa de Lyon o pasado setembro.
Por outra banda, tamén foi posible degustar os callos, prato típico da festividade da Faguía de Carnés, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O toque doce correu a cargo da bica e as pedras do Castelo elaboradas por diferentes establecementos da localidade.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez; as concelleiras Rosa Blanco e María José Pose; e a técnica de Turismo, María Victoria Amigo, estiveron presentes no evento.