- Máis de 200.000 euros irán destinados á ampliación do SAF
O Concello de Vimianzo aprobou adicar, no pleno deste martes, 919.094,35 euros do Plan Único da Deputación Provincial da Coruña a gasto corrente, obras e gastos sociais extraordinarios. En concreto destinaranse 703.291,05 euros a gasto corrente e investimentos, namentres que 232.419,12 euros irán a gastos sociais extraordinarios. Destes, 202.419,12 euros adicaranse a ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades.
Dentro deste apartado, 10.000 euros destinaranse á ampliación das axudas para persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión; 10.000 euros para gastos escolares e 10.000 euros restantes para medidas de conciliación.
Na liña de investimentos, destinaranse 347.215,60 euros á rede de saneamento en Carantoña; á pavimentación no lugar de Mouzo e á mellora do viario de Subeiro A Carballa. Os restantes 356.075,45 euros serán para financiamento do gasto corrente.
Plan complementario
No Plan Complementario do ano 2021 atópase o arranxo do pavimento interior no lugar de Xora (Fase 1) e a mellora nos viarios de Santa Comba (Baíñas) e Romar (Berdoias).
Respecto ao ditame sobre a execución de sentenza da Relación de Postos de Traballo na área de arquitectura e urbanismo, o Concello de Vimianzo está obrigado a regularizar o posto de arquitecto técnico municipal.