- Non faltarán a música, os inchables e os doces
O Entroido é unha festividade moi celebrada en Galicia, e na Costa da Morte tamén é tradición que os concellos organicen o seu particular desfile ou concurso de disfraces. A Laracha foi o primeiro concello da comarca que anunciou un concurso virtual debido á situación epidemiolóxica, e Vimianzo e Camariñas tamén presentaron este venres a súa programación.
VIMIANZO
O municipio irmandiño celebrará o Entroido con varias actuacións musicais e un concurso de disfraces que se desenvolverá o sábado 26, a partir das 17:00 horas, na Praza do Concello. As persoas interesadas en participar neste último poden inscribirse na Casa da Cultura do 15 ao 24 deste mes. Ademais, a xornada estará amenizada coa actuación musical de Dúo Galán e repartirase chocolate con churros, filloas e orellas entre todos os que acudan vestidos para a ocasión.
As bases poden consultarse na web municipal, aínda que desde o goberno local avanzan que se repartirán máis de 1.000 euros en premios entre os tres primeiros clasificados de cada unha das catro modalidades: familias ou grupos (300, 200 e 100 euros), parellas (100, 75, 50 euros), individuais infantil (60, 40 e 20 euros) e individuais adulto (100, 75 e 50 euros).
Para o martes, día 1 de marzo, está programado un concerto de Mamá Cabra no Auditorio da Casa da Cultura. ‘A música das Buguinas’ arrincará ás 18:30 e a entrada, que poderá adquirirse desde unha hora antes da actuación no propio edificio, é de balde.
CAMARIÑAS
O espírito do Entroido tamén se estenderá por todas as parroquias de Camariñas cunha programación que se desenvolverá do 26 de febreiro ao 2 de marzo co tradicional Enterro da Sardiña.
Sábado 26. En Camelle instalarase unha gran carpa na que, de 16:00 a 20:00 horas, haberá música en directo a cargo do dúo ‘Plan B’, inchables e unha chea de doces típicos destas festas.
Domingo 27. De 12:00 a 15:00 horas, o paseo marítimo da Ponte do Porto acollerá unha sesión vermú a cargo do dúo ‘Charada’ ademais de inchables e doces para os máis pequenos.
Pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas, a diversión continuará na Casa da Sociedá de Xaviña con máis música, xogos e unha gran merenda.
Martes 1. Baile de disfraces en Camariñas. Será de 16:00 a 20:00 horas no pavillón Víctor Vigo e inclúe música en directo a cargo do dúo ‘Charada’, inchables, filloas e chocolatada.
Mércores 2. A localidade despedirase do Entroido co seu tradicional Enterro da Sardiña. Sairá de Camariñas ás 12:00 horas facendo un percorrido por Xaviña, Arou, Camelle e Ponte do Porto. O funeral será ás 18:00 horas na Praza do Mercado de Camariñas con chocolatada e churros.