- Ambas alcaldesas visitaron a localidade na que se reuniron co seu homólogo, Damien Chappuis
Os concellos de Vimianzo e Camariñas xa son oficialmente vilas irmandadas coa suíza Delémont, capital do cantón de Jura. As rexedoras de ambas localidades, Mónica Rodríguez e Sandra Ínsua, respectivamente, reuníronse este xoves co seu homólogo, Damiel Chappuis. Ata Suíza tamén se desprazaron o tenente de alcaldesa do Concello de Vimianzo, Víctor Muíño, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Camariñas, Begoña Tajes.
Nesta zona residen centenares de persoas vinculadas á Costa da Morte, feito que propiciou este acto de irmandade. «Os vínculos con Camariñas e Vimianzo son sobre todo humanos», sinalou Chappuis, posto que desde os anos sesenta os galegos abandonaron por causas económicas a súa terra natal para aterrar no Jura. Na actualidade preto de 350 veciñas e veciñas da serra son galegos, «a maioría vencellados e vencelladas directamente con Camariñas e Vimianzo».
A alcaldesa de Vimianzo remarcou que «é un auténtico orgullo, e máis logo de pasar todo o que pasamos, tender pontes cunha sociedade tan similar á nosa e con tanta influencia galega». Pola súa parte, a rexedora de Camariñas destacou que as portas da Costa da Morte están sempre abertas «ao futuro, máis esperanzador hoxe ca nunca».