- A vivenda servirá para acoller a familias que se atopen nunha situación económica precaria
O Concello de Vimianzo e Cáritas uniron forzas para impulsar a integración social coa presentación da primeira vivenda de acollida no núcleo urbano do municipio, e cuxa presentación tivo lugar durante a tarde deste venres na praza da Igrexa. O edificio foi reformado por ambas entidades a través dun proxecto conxunto e servirá para acoller a familias que se atopen nunha situación económica precaria.
No acto de presentación participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, a directora adxunta de Cáritas Vimianzo, Carmen Vázquez, o párroco Don Daniel Turnes e o delegado Episcopal, Jesús García, entre outros membros do goberno.
«Esta vivenda é resultado do traballo en equipo entre Cáritas, o Concello e Daniel Turnes», indicou a alcaldesa, quen reiterou que «a veciñanza tamén foi parte fundamental, xa que foi a que achegou, a través de doazóns a ambas institucións, os mobles cos que contará a vivenda, un auténtico exemplo de solidariedade e implicación».
Os traballos realizados na vivenda incluíron o arranxo da cociña, chan e ventás, entre outros elementos, co obxectivo de que conte con todas as prestacións necesarias para ser habitada en boas condicións.
A vivenda rehabilitada sitúase nunha zona céntrica do municipio co obxectivo de integrar ás persoas que habiten nela na vida do municipio. Nesta ocasión será unha familia con cinco fillos a primeira que habite o lugar a partir do 1 de setembro. Será por un prazo de dous anos, que poderá ser ampliado no caso de ser necesario.
Este proxecto constitúe unha nova medida social por parte do goberno local que se suma a outras como á liña de axudas ao estudantado do curso 2020-2021, que incrementou o seu orzamento en 15.700 euros.