- Os rexedores dos concellos reuníronse este venres coa directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, para abordar a situación
Os municipios de Vimianzo e Laxe continúan traballando para conseguir que a Xunta homologue a ruta de sendeirismo que une a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural que comparten ambas localidades. Deste xeito, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o rexedor de Laxe, José Luis Pérez Añón, mantiveron unha reunión este venres coa directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, para abordar a situación. Na mesma tamén participaron o técnico de Deportes do Concello de Vimianzo, Víctor Santos, e a técnica de Turismo do Concello de Laxe, María José Mato.
Durante esta xuntanza, detallouse por parte de ambas Administracións locais a folla de ruta que se está a seguir desde que en novembro do ano 2019 se proxectaran unha serie de accións coordinadas para impulsar un Plan Estratéxico conxunto da Paisaxe Protexida. A Xunta de Galicia xa anunciara no mes de abril que a licitación del plan era «inminente» e que a cooperación de ambos concellos sería esencial.
«O que se pretende desde ambos executivos é complementar este proxecto coa homologación da ruta o longo deste espazo natural e patrimonial indispensable non só para os nosos municipios, senón para a Costa da Morte e toda Galicia», destacaron os rexedores.