Vimianzo e Laxe da man para coñecer o Plan Xeral dos Penedos de Pasarela e Traba

2 minutes read

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o seu homólogo en Laxe, José Luis Pérez Añón, reuníronse no Consistorio vimiancés para abordar a situación desta paisaxe natural protexida. Tamén acudiron Raquel Lema, concelleira de Cultura do Concello de Laxe; María José Pose, concelleira de Benestar do Concello de Vimianzo e Víctor Santos, técnico da Administración soneirá.

A Xunta de Galicia anunciou a mediados de agosto o inicio do Plan de Xestión deste espazo natural e paisaxístico, que aínda non conta coa pertinente comunicación oficial a ambas administracións.

Polo tanto, nun primeiro termo acordouse comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio, concretamente a Belén Docampo, unha reunión formal para tratar, en primeira instancia, o fondo deste Plan de Xestión, especialmente no ámbito de limpeza, sinalización e requisitos ás propiedades privadas no caso das plantacións.

Tanto a Rodríguez como a Añón interésanlles os pormenores deste documento para coñecer de primeira man os modos de actuación á hora da posible homologación desta ruta, como xa levan coordinando desde hai máis dun ano para impulsar un Plan Estratéxico conxunto da Paisaxe Protexida.

Desde ambas administracións estanse a buscar fontes de financiamento para sustentar unha proposta inicial de proxecto de homologación da ruta de sendeirismo que implica tanto a Vimianzo como a Laxe, ao longo dun espazo natural e patrimonial que aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso, a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o Val de Traba.

Ambos mandatarios coinciden na “plena coordinación e vontade dos Concellos de Laxe e Vimianzo á hora buscar unha solución e impulsar este plan o antes posible”, xa que “cremos nas posibilidades dun recurso que abrangue ambos municipios e que pode chegar a ser unha das referencias da Costa da Morte”, conclúen.