Vimianzo, elixido como destino turístico por máis de 18.000 persoas

1 minutes read
  • O castelo foi o lugar máis visitado rexistrando 12.344 visitas durante xullo e agosto

Vimianzo foi elixido como destino turístico por máis de 18.000 persoas durante os meses de xullo e agosto. O castelo de Vimianzo foi o emprazamento que tivo maior demanda, xa que ata alí se achegaron 12.344 persoas durante estes dous meses. As visitas guiadas impulsadas desde o departamento de Turismo contaron con 4.792 usuarios e os Batáns e Muíños de Mosquetín, con demostracións do funcionamento do muíño de venres a domingo, xuntou a 1.524 persoas.

Ademais do propio castelo e dos Batáns, funcionaron tamén moi ben a visita ao dolmen de Pedra Cuberta, a novidosa ruta de Cereixo, e a camiñada pola vila de Vimianzo, que levou a case medio milleiro de persoas a percorrer as rúas do municipio.

Desde o Concello fíxose unha forte aposta por poñer en valor o patrimonio natural e cultural da localidade, dobrando o persoal e ampliando o horario de moitas das súas actividades.

O balance, apuntan desde o Consistorio, é «tremendamente positivo a pesar dun verán un tanto atípico, marcado pola pandemia mundial». Segundo os datos aportados pola administración local, o 60% dos visitantes chegaron doutros puntos da Península, namentres que o 40% restante resultou ser galego.

Este domingo 13 de setembro, en horario de 12:30 horas e 17:00 horas, realizarase unha última visita teatralizada para a que se pode reservar praza en turismo@vimianzo.gal.