Vimianzo, elixido como destino turístico por máis de 19.000 persoas este verán


O Castelo de Vimianzo foi o emprazamento que tivo maior demanda, xa que ata alí se achegaron 18.090 persoas durante os meses de xullo, agosto e setembro. Neste emblemático espazo desenvolvéronse actividades de exaltación da artesanía galega, con obradoiros cada sábado onde as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man como facer unha peza de olería de Buño, barcos de madeira ou como traballar o liño.

As visitas guiadas impulsadas desde o departamento de Turismo contaron con máis de 1.000 visitantes durante os meses de xullo, agosto e setembro, con especial fincapé no Castro das Barreiras e no dolmen de Pedra Cuberta.

Os sábados foron días adicados tanto a obradoiros de artesanúa como a sendeirismo, con tremendo éxito de convocatoria, completando sempre os grupos co máximo de visitantes permitido pola normativa na situación actual, e mesmo se estreou unha ruta nocturna.

O balance que se fai desde o Consistorio vimiancés é “moi satisfactorio, e reflicte que Vimianzo é un dos puntos de maior relevancia de toda a Costa da Morte”, sinalan, á vez que resaltan “a forte aposta pola cultura e tradición populares nun compendio de actividades que tivo o Castelo como punto primordial pero que abrangueu tamén puntos destacados como o Castro das Barreiras, os Batáns ou as novas rutas dos petróglifos”.